O barrio compostelán volverá a contar cun equipo de fútbol que competirá a próxima
tempada en Terceira Rexional
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2022

Esta mañá presentouse no Centro Sociocultural de Santa Marta o novo equipo sénior da EDS
Santa Marta, que está formado por rapaces que na súa maioría teñen menos de 20 anos e que
na próxima temporada xogarán en Terceira Rexional.
Durante o acto, que contou coa participación do presidente do club Santiago Araújo, e os
concelleiros de Deportes, Esther Pedrosa, e centros socioculturais, Javier Fernández,
presentouse tamén a equipación, que luciron algúns dos xogadores e que inclúe o logo de
Galipizza, principal colaborador do equipo.
Araújo explicou que o club asume este ano o reto de ter un equipo sénior “coa ambición de
seguir crecendo e ser unha referencia de Santa Marta”. Na súa intervención, Esther Pedrosa
tamén destacou o crecemento do club e a súa implantación no barrio, mentres que Javier
Fernández fixo fincapé nos valores que transmite.
No acto tamén estiveron representantes da asociación de veciños e do centro sociocultural, así
como o ex concelleiro de Deportes, Bernardino Rama, que fixo un repaso pola historia
futbolística do barrio, lembrando aos clubes Saeta e Imperio, desaparecidos hai anos. Rama
amosouse moi contento porque por fin un novo equipo “tome o relevo” e “leve o nome de
Santa Marta”.
Un club en crecemento.
O EDS Santa Marta presentouse en maio do 2021 como un proxecto que continuaba coa
filosofía iniciada hai máis dunha década coa Escola Deportiva Santiago. Esforzo, Deporte e
Saúde son os valores que promove este club que chegou para facer barrio e fomentar o
deporte base por riba da competición e dos resultados.
Un ano despois do seu lanzamento cos equipos fútbol 11 e fútbol 8, o EDS Santa Marta continúa
medrando agora coa posta en marcha do equipo sénior, no que exercerán como adestradores
Santi Araújo e Modesto Fernández. O corpo técnico complétase co preparador físico Pablo
Carbajo e o coach Daniel Álvarez.

Departamento de comunicación EDS Santa Marta
[email protected] / [email protected]