O club presentou o seu nome, obxectivos e valores nun acto que tivo lugar no centro sociocultural de Santa Marta
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2021

Esta mañá presentouse o novo EDS Santa Marta, un club deportivo que nace coa aspiración de formar non só deportistas, senón tamén persoas. O acto contou coa participación do seu presidente Santiago Araújo, e os concelleiros de Deportes, Esther Pedrosa, e centros socioculturais, Javier Fernández. Tamén asistiron Enrique Vázquez, director dos centros socioculturais da cidade; Sandra Quintana, responsable do centro sociocultural de Santa Marta; Olga Raíces, directora do CEIP Cardeal Quiroga Palacios; Luis Regueiro, director do colexio La Milagrosa; e representantes da Asociación de Veciños de Santa Marta.
Santiago Araújo explicou que este novo proxecto continúa coa filosofía iniciada hai máis dunha década coa Escola Deportiva Santiago, entidade coa que foron pioneiros na organización de xornadas e campus polideportivos e de tecnificación, baixo o lema de aprendizaxe e diversión. “Porén, a realidade achéganos a outra faciana do deporte amateur, de formación, onde aparecen os desánimos, a escaseza de medios, os malentendidos, a incomprensión”, apuntou. Pero lonxe de abandonar, colleron forzas para iniciar un novo proxecto, un club con sentido de pertenza a un barrio, Santa Marta, que como eles está a medrar e a buscar unha identidade en torno ao deporte. “Partimos de cero e queremos xuntar forzas en torno a uns valores máis aló do meramente resultadista e competicional”, sinalou. De aí, o seu nome: EDS Santa Marta (Esforzo, Deporte e Saúde).
Os obxectivos da EDS Santa Marta para a vindeira tempada son crear as seccións de fútbol 8 e fútbol sala dentro da FGF, así como seguir organizando xornadas formativas e masterclass no eido deportivo e saudable e campus polideportivos e de tecnificación.
Pola súa banda, Javier Fernández destacou que é moi importante para Santa Marta “facer barrio como se fai noutras partes da cidade con outros clubs deportivos” e que o deporte base “debe estar por enriba da competición, dos resultados”. Na mesma liña, Esther Pedrosa felicitou ao EDS Santa Marta pola iniciativa e amosou todo o seu apoio ao proxecto.
As novidades do club poderán seguirse na páxina web edssantamarta.com